Friday 03 de May de 2024

O Pleno aproba unha moción conxunta para apoiar a candidatura de Ángel Carracedo e Alec Jeffreys aos premios Princesa de Asturias


O doutor Carracedo, investigador e docente da Universidade de Santiago (USC) é unha das figuras máis representativa da Medicina forense a nivel mundial, destacando pola súa contribución á patoloxía forense coa introdución da autopsia molecular.
MOCIÓN CONXUNTA PREMIOS PRINCESA DE ASTURIAS CARRACEDO

As mocións para a instalación de paneis de comunicación social, e a relativa a compatibilidade das axudas para actividades culturais municipais cos proxectos marco relacionados cos fondos europeos “Next Generation” foron aprobadas por unanimidade.

O pleno ordinario do Concello de Santiago de Compostela comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia de xénero. É o primeiro pleno, desde que comezou a pandemia, no que están presentes todos os concelleiros. Desde hai dous anos, seguíanos de xeito telematico. Durante este tempo, so estiveron no salón de plenos, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen presidía a sesión, e os portavoces dos distintos grupos municipais.

Imaxe do pleno, o primeiro presencial desde que comezou a pandemia, hai dous anos.

O pleno aprobou dous expedientes de suplemento de crédito, cos votos a favor do Grupo Socialista e a abstención da oposición. Un de 266.600, que se destinará á execución da actuación “Mellora da accesibilidade en barrios desfavorecidos”; e outro de 27.610 euros, co obxectivo de dar cobertura á licitación do contrato de “Formación de acollida de bombeiros de nova incorporación para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento”.

Proposicións

O Grupo Socialista abstívose ns proposicións número catro, para o fomento do Mercado de Abastos e a correcta implementación da peonalización do ámbito de Mazarelos; e na número 8, para realizar un plan de dinamización comercial para a Praza de Abastos e medidas para dotala de alternativas de aparcamento, debatíronse de xeito conxunto. O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, lembrou que foi o Grupo Socialista o que “licitou e deixou sobre a mesa o PEMUS en 2011. Posteriormente o PP aprobou dito plan en 2012. Entre 2015 e 2019 Compostela Aberta, gobernou cun PMUS pendente de aplicación”. Destacou, en concreto, que “un dos eixos principais era peche total do casco antigo con prohibición de acceso motorizado á Praciña da Universidade e Praza de Mazarelos”.

Gonzalo Muíños lembrou que Compostela é unha cidade Patrimonio, e que esa contorna de Mazarelos “alberga a única entrada orixinal” da vella muralla que rodeaba a cidade. Indicou tamén que, coa peonalización, estanse a recuperar espazos “espazos para uso e desfrute da veciñanza”, e que ademais, se eliminou “o paso de máis de 3.000 vehículos diarios” por ese arco de Mazarelos.

O concelleiro de Mobilidade destacou que todo o proceso se levou a cabo con diáologo permanente. “Conxugáronse as distintas sensibilidades: coa veciñaza da zona, cos decanos das Facultades de Histoira e Filosofía, coa xerencia e presidencia da cooperativa da Praza de Abastos e co resto de axentes implicados. “Atenderonse todas as peticions”, sinalou o concelleiro. Durante a súa intervención tamén destacou os datos de ocupación do aparcadoiro de Belvís, e o aumento de persoas, ata un millar, que os sábados utilizan o transporte público para acudir á Praza de Abastos.

Outra imaxe do pleno

O acalde interviu na segunda quenda, defendendo a segunda proposición. Xosé Sánchez Bugallo sinalou que a Praza de Abastos, unha referencia para a cidade, está nun proceso de cambio permanente. Recordou que sofreu directamente as consecuencias da pandemia, ao perder a clientela que proviña do sector hosteleiro. E tamén lembrou que se adoptaron determinados acordos, como os bonos de aparcamento, e na pasadas reunión do 8 de marzo, “ampliar horario de carga e descarga, habilitar a Praza Irmán Gómez para carga e descarga, pór en marcha os bonos corazón, ou encargar un estudo para o futuro da Praza. “Hai un proceso de diálogo permanente”, engadiu o rexedor.

Sobre o aparcamento da Praza de Galicia, é un tema no que non hai debate, porque, aclarou, “o máis probable é que haxa que mantelo e que o xestione o Concello a través de Tussa”. En canto ao aparcamento de Virxe da Cerca, o alcalde veo complexo, xa que “xeraría grandes problemas e confusión”. E sobre o parquing de Belvís, considérao complicado. “A entrada e saída hai que facela a través do parque de Belvís. E o máis probable é que fose a través dun sistema concesionado”, engadiu. O alcalde rematou subliñando que “todo o mundo ten opinións. Pero os únicos que peonalizamos a Praza de Mazarelos foi este goberno”.

O concelleiro Gonzálo Muíños tamén defendeu a seguinte proposición, sobre a adopción de medidas de mellora do aparcamento público no marco dunha planificación de mobilidade sustentable, na que o PSdeG se abstivo. Reiterou que “o Grupo de Socialista deixou ese PEMUS en 2011”, pero anteriormente xa comezara “a establecer un sistema de aneis e filtros para os vehículos que entraban na cidade, con aparcamentos de borde. Lembrou que hai máis de 9.000 prazas de aparcamento en distintos aparcadoiros da cidade, e que neste momento, hai que apostar pola mobilidade, polos traxectos a pé. “A veces o que temos que apostar é polas solucións de última milla e a micromobilidade, dese 70% de traxectos en coche de menos de quilómetro e medio”, que se podían facer andando. Engadiu que o goberno vai “agardar a ter ese PMUS, indispensable para a toma de decisións”.

Na segunda quenda interviu o alcalde. Sánchez Bugallo sinalou que “a mobilidade é unha cuestión troncal para o modelo de cidade e para a calidade medioambiental e a calidade de vida da cidadanía. Teremos que priorizar a mobilidade peonil, o transporte público, o e iso vainos obrigar a cambios importantes, engadiu.

A concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal defendeu a abstención do Grupo Socialista na proposición do PP para a formalización dun plan de acción que reduza a extensión e os efectos negativos da contratación menor.

Marta Abal foi contundente: “o contrato menor é un mecanismo válido de contratación pública. E de feito os gobernos do Partido Popular e de compostela aberta fixeron uso deste mecanismo para a cobertura de necesidades”. A concelleira lembrou que en “cinco meses de goberno de Agustín Hernández, contratáronse prestacións menores por importe de máis de 2,5 millóns de euros”.

Sobre o informe de intervención, subliñou que no mesmo se tiveron en conta “non só os contratos menores formalizados durante o exercicio orzamentario 2020 senón tamén contratos formalizados en exercicios anteriores pero pagados no ano 2020”.

Marta Abal aclarou que “a aposta do Goberno Municipal pola licitación pública é clara: “Foi este goberno o que introduciu a planificación contractual na xestión na xestión pública municipal, mediante a aprobación do primeiro plan de contratación; e foi este goberno o que creo un servizo de contratación, servizo reforzado no cadro de persoal do ano 2022 con dúas prazas de técnico de xestión”. Unhas medidas necesarias, indicou, que permitirán “acadar un dos obxectivos principais do Goberno Municipal en materia de contratación para a presente lexislatura: regularizar a situación contractual do Concello de modo que todas as prestacións recorrentes e periódicas se contraten mediante procedementos de licitación pública”. Non obstante, continuou, “no sector público, e dende logo no Concello de Santiago de Compostela tamén existen determinadas necesidades non recorrentes nin periódicas, de produtos ou servizos, cuxa contratación pode facerse, de forma rápida e áxil, mediante a figura do contrato menor, sen ter que pór en marcha un complexo procedemento de licitación”.

A seguinte proposición, para recuperar a xestión directa do Mercado de gando de Amio, defendeuna o alcalde. Sánchez Bugallo recordou que o mercado de gando construiuno “un goberno socialista”. Pero, engadiu, “en 25 anos as cousas mudaron”. Os gandeiros van desaparecendo, agora hai tratantes, pechou a oficina bancaria que había, “porque ninguén ingresaba o importe da compra-venda alí”. “É un espazo extraordinario”, continuou, “cunha ubicación extraordinaria, que temos a obriga de rendabilizar para a cidade Non descarto que siga o gando, o que si descarto é que sexa un recinto que só se utilice os mércores pola mañá”.

O rexedor anunciou Temos que analizar todo iso con absoluta tranquilidade, e tomar as decisións que mellor sirvan aos intereses da cidade e do municipio de Santiago. Sánchez Bugallo anunciou que a intención do Goberno Municipal é “prorrogar o contrato un ano”. “Imos encargar un estudo, sen prexuizos e sen predeterminacións, para que analicen a utilidade posible dese espazo e poidan determinar o máis rendible e o que máis lle pode aportar ao concello de Santiago. Utilizar esas instalacións só o mércores pola mañá, é un luxo que non nos podemos permitir”, engadiu. O PSdeG, nesta proposición, abstívose.

A última proposición debatida, na que o Grupo Socialista votou abstención, foi a presentada por Compostela Aberta para impulsar un HUB de sustentabilidade local no Palacete da finca do Espiño. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, foi clara. “Agradecemos a suxerencia, pero é o goberno municipal quen debe tomar as decisións. Se vostedes tiñan claro o que había que facer, podíano ter feito. Pasou o 2016, 2017, 2018 e 2019 e o único que fixeron foi demorar tanto a rehabilitación, que se agravou o deterioro da estrutura e houbo que habilitar novos recursos para a súa recuperación”.

A concelleira puxo de manifesto as contradicións existentes na proposición.”En relación ás iniciativas que o concelleiro de Compostela Aberta aporta na exposición de motivos, é todo un pouco contraditorio. Vostede mesmo establece que tipo de actividades se ten que facer. Di textualmente, funcións de asesoramento en materia de sustentabilidade e transformarse nun punto de referencia da cidadanía na consulta e asesoramento sobre sustentabilidade, con actuacións especificas en centros educativos, e cun especial foco na mitigación da pobreza enerxética. Pero no punto 3 da moción contrariamente propón que as funcións deste novo equipamento sexan deseñadas a través das necesarias cales de diálogo, comunicación e participación coa veciñanza e tecido asociativo”. Xa é costume que sempre crean que as súas propostas son as da veciñanza no seu conxunto”, engadiu.

Mercedes Rosón explicou que a recuperación do Palacete do Espiño supón a rehabilitación física dun inmoble catalogado con protección patrimonial, que estaba en estado de ruina e con perigo de agravamento do seu estado co paso do tempo. “Esta actuación incorporará ao patrimonio municipal un espazo polivalente e multidisciplinar, que permite (xunto coa finca que é hoxe parque público) a recuperación deste fermoso lugar que forma parte do ADN de Compostela para os nosas veciñas e veciños”, indicou.

Interpelación

O responsable de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, respondeu á interpelación sobre a articulación de medidas para contribuír a crear zonas de baixas emisións. Despois de explicar as directrices emitidas o pasado novembro polo Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) en relación ao desenvolvemento da Lei de Cambio Climático; e como vai afectar aos concellos o anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible aprobado polo Consello de Ministros a principios de marzo; o concelleiro sinalou que respecto á realidade de Santiago, debe ser o PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) o que estableza as bases e as liñas de actuación do sistema de transporte e mobilidade para os próximos anos.

Será o PMUS, sinalou, o que realizará unha diagnose da realidade compostelá a partir da que se definirán aas liñas estratéxicas e os obxectivos da mobilidade en Santiago para os vindeiros anos. “Dado que aínda non dispomos dun PMUS actualizado, nunha primeira fase a ZBE quedará circunscrita ao ámbito do casco histórico. Coincidirá coa área que xa funciona con acceso restrinxido de vehículos, pero garantirase o acceso dos vehículos de residenntes e servizos que o precisen atendendo ao criterio da función do vehículo e non da súa categoría ambiental”, explicou.

Gonzalo Muíños rematou subliñando que “a completa implementación das ZBE en Compostela materializarase na seguinte lexislatura dado que a mobilidade está afectada por numerosos aspectos como a demografía, o uso do chan e a planificación urbana, a gobernanza, a cultura urbana ou a economía local”.

Mocións

A moción presentada por Compostela Aberta pola compatibilidade das axudas para actividades culturais municipais cos proxectos marco relacionados cos fondos europeos “Next Generation”, foi aprobada por unanimidade. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, explicou que as convocatorias municipais de subvencións para actividades culturais do sector profesional e de asociacións xa contemplan a compatibilidade con outras convocatorias formuladas polas distintas administracións. En todo caso, engadiu, “cando se fagan efectivas as do presente ano tentarase que esa compatibilidade en canto á súa formulación sexa o máis alta posible”.

Mercedes Rosón sinalou que “está previsto, dende a área de cultura organizar novamente sesións informativas e implementaremos accións formativas específicas para a captación de fondos Next Generation, en colaboración co departamento de Promoción Económica, entroncando co que levamos feito durante estes dous últimos anos, desde que empezou a pandemia; en apoio ás empresas culturais da nosa cidade”. Tamén indicou que “temos preparada unha estratexia formativa intensiva para cando saian as convocatorias, inicialmente de dúas sesións. Na primeira está previsto expor e aclarar toda a información sobre a convocatoria e na segunda resolveranse as dúbidas que poidan ter as persoas asisentes. Se é preciso, estas accións formativas, como dixen antes, ampliaranse en función das necesidades das persoas demandantes”.

Para a concelleira, “o importante, neste caso, e traballar dun xeito conxunto e transversal, non só entre distintos departamentos. Tamén temos que ter en conta á Xunta de Galicia, xa que as axudas dos Next Generation articúlanse a través das Comunidades Autónomas. Así o estamos facendo, por exemplo, nas convocatorias de rehabilitación de vivendas”, engadiu.

Na moción para o impulso da dimensión social, do desenvolvento económico e da economía circular aproveitando o nomeamento de Santiago como Capital da Economía Social. A posición de abstención do Grupo Socialista, defendeuna o alcalde. Xosé Sánchez Bugallo agradeceu a proposta pero, sinalou, non está suficientemente madura. Subiñou que se está traballando activamente no espazo coop, e co Foro pola Economía Social Galega, así como co foro da USC, xa que este tema, indicou, “para nós constitúe unha prioridade”, na que “imos seguir traballando”; igual que na programación do evento de Santiago de Compostela, como Capital Española da Economía Social” que está convencido, será un éxito.

Na moción para o deseño e implementacion dunha estratexia de uso e posta en valor de edificios rehabilitados e en desuso, presentada polo PP local, o Grupo Socialista abstívose. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, xustificou esta abstención porque, “o plan ou estratexia de optimización que reclama, xa está en marcha hai tempo; e pasa pola conversión das antigas escolas e outros espazos municipais en equipamentos, co fin de dar servizo á cidadania. Este proceso comezou en 2006, co PSOE, na Escola de Portela, e a continuación foi replicado noutros centros”,

A concelleira engadiu que o actual goberno municipal “tivo e ten presente unha política de optimización dos espazos municipais, entre os que inclúe as antiguas escolas unitarias, cuio abandono denuncia agora o PP. Cecáis non lembran que non fomos nós, foi o goberno popular o que pechou a escola rural da Portela, despois de que a rehabilitaramos”.

O Grupo Socialista abstívose tamén na moción para a elaboración dun inventario e planificación dos traballos para eliminar atrancos para a mobilidade e accesibilidade en beirarrúas e sendas peonís. O concelleiro de Medio Rural; José Manuel Pichel, sinalou que “unha boa parte de ditos obstáculos son liñas aéreas de titularidade privada. Están a propor que se soterren esas liñas privadas con diñeiro público”. Para José Manuel Pichel, “tería que ser a Xunta de Galicia a que elaborase unha normativa para obligar a eses propietarios a soterrar as liñas, e pór penalidades aos operadores se persisten no mantemento desta situación”. O concelleiro engadiu que non só influen na accesibilidade, tamén na seguridade vial, polo que no seu soterramento se deberían implicar todas as administracións.

Recordou que se está executando a obra Roxos Reborido, na súa primeria fase. “O retranqueiro da liña de telefonía supera os 90.000 euros. So mover un poste son 1.620 euros. Non é barato. Non é cuestión que sexa rural ou periurbano. É un problema que temos a nivel de Galicia e que temos que solucionar”, finalizou.

Na moción para retomar a revisión do Plan Especial da Cidade Histórica e se remate a aplicación do Plan de Xestión da Cidade Histórica, o Grupo Socialista abstívose. O alcalde, Sánchez Bugallo, puntualizou que xa pasaron 25 anos do Plan Especial. “É bastante razoable que se faga un balance da actual problemática: vivendas turísticas, gas, fibra óptica, venda online, e o cambio no marco legal. O proxecto que se contratou hai nove anos xa non é válido, é extemporáneo”.

Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, puxo o acento nos problemas de redacción do Plan de Xestión durante a etapa de Compostela Aberta, informado en contra en varias ocasións. Sinalou tamén que “no momento actual, e tendo en conta que teñen transcorrido máis de 7 anos dende a adxudicación do contrato (2014), é preciso avaliar se persisten as circunstancias e razóns de interese xeral que no seu momento xustificaron a conveniencia de iniciar a contratación”. E esas circunstacias non persisten; pol que a día de hoxe se considera prioritario polo que a día de hoxe, abordar distintas modificacións ou reformas puntuais no Plan especial vixente, de alcance máis limitado, en lugar de acometer un proceso de revisión integral do plan.

A abstencion na moción número seis, para a difusión das actividades dos Centros Socioculturais e para descentralizar a oferta cultural en sinerxia co pequeno comercio; defendeuna o concelleiro de CSC, Javier Fernández. Recoñeceu que se pode mellorar a difusión, pero tanto a planificación, como a descentralizacióndos actos culturais “xa se está a facer” e a coordinación de axendas, tamén.

Sobre as actuacións que deben impular os executivos galego e español para mitigar o impacto do crecemento disparado da inflación na sociedade e economías galegas, o portavoz do Grupo Socialista, Sindo Guinarte, sinalou que con esta moción se están pondo “deberes” á Xunta de Galicia, ao Goberno Central e á Unión Europea. Recordou que cando se presentou esta moción o Goberno Central aínda non aprobara as últimas medidas como a bonificación dos carburantes en 20 céntimos por litro; topar o prezo do gas en 30 euros megavatio, incrementar o bono social eléctrico de 600.000 e dous millóns de persoas; axudas directas a transportistas por vehículos; limitar ao 2% a revisión do prezo dos alugures e non ligalas ao IPC; limitacion do despido por ERTES por causas relacionadas co incremento dos prezos dos combustibles; e outras relacionadas co Ingreso Mínimo Vital. Son medidas que, subliñou, “non se poden ignorar e dicir que non se tomaron. Das propostas que se fan na moción, hai moitas que están nestas medidas, de ahí a nosa abstención”, sinalou.

Na moción para a instalación de paneis de comunicación social, houbo unanimidade. O acalde, Sánchez Bugallo, aclarou que a maioría de parroquias xa teñen paneis. “Onde non os hai e na cidade histórica”. Tampouco está xustificada, engadiu, “nin en edifcios privados nin en garaxes”.

Na moción para demandarlle ao goberno españo o apoio a unha solución que garanta o respecto do dereito internacional e as resolucións para o recoñecemento do dereito de autodeterminación do pobo saharaui, o PSdeG abstívose. A este respecto Sindo Guinarte sinalou que “o Concello vai manter os seus compromisos e a súa responsabilidade co pobo saharaui. Xa houbo contactos para financiar o acollemento de nenos e nenas saharauis por parte de familias galegas”.

O PSdeG tamé se abstivo na moción sobre transparencia e acceso á información pública. A concelleira Marta Abal, sinalou que “o compromiso do goberno municipal coa transparencia é unha realidade”. A continuación ofreceu varios datos, como o inicio, en 2020 “da publicación dos convenios de colaboración subscritos polo Concello. Esta era unha obriga establecida pola Lei de transparencia (en vigor desde o 11/12/2014) que non se estaba a cumprir”.

Tamén se creou, engadiu, “o apartado para acoller os trámites de “consulta previa” á elaboración de normas municipais (este trámite é obrigatorio desde o 01/10/2016 pero non estaba habilitado)”. E tamén se creou o “apartado de “Integridade” no que se aloxa a documentación relativa á prevención da fraude e, especialmente, a canle de denuncias de condutas posiblemente fraudulentas. “Se ben aínda se está completando o seu contido, a súa mera creación representa un avance moi importante para favorecer a transparencia, especialmente ao habilitarse a posibilidade de que calquera cidadán poida denunciar, con plena garantía de anonimato e sen risco de represalias, as condutas irregulares nas que poidan incorrer o Concello” argumentou.

Engadiu, ademais, que nestes intres, “a Sección de Información e Atención á Cidadanía e o Servizo de Asistencia á Xunta de Goberno están traballando para darlle un pulo ao Portal de Transparencia, reorganizándoo, actualizando contidos e elaborando unhas novas instrucións para os servizos destinadas a facilitar o envío de información”.

Por último, o pleno aprobou unha moción conxunta de urxencia, para apoiar a candidatura do Dr. Ángel Carracedo e Sir Alec Jeffreys aos premios Princesa de Asturias presentada pola Xunta de Galicia. O doutor Carracedo, investigador e docente da Universidade de Santiago (USC) é unha das figuras máis representativa da Medicina forense a nivel mundial, destacando pola súa contribución á patoloxía forense coa introdución da autopsia molecular.

Ao comezo do pleno tomou posesión como novo concelleiro Pedro Rey, en substitución de Ana Sabel.